A Semana da Ciencia 2006 en Galiza inaugurouse onte en Pontedeume, coincidindo coa apertura da mostra "O mundo na túa cabeza: a máquina de crear realidades". A exposición forma parte dun amplo programa de actividades relacionadas coa neurociencia –tema central desta edición da Semana da Ciencia- que percorrerán toda Galiza durante os meses de novembro e decembro. A Semana da Ciencia é unha celebración, de ámbito europeo, que pretende facernos reflexionar sobre a evidencia de que vivimos rodeados de ciencia e da importancia que ten esta para acadar o progreso e o benestar social. Nesta edición, participan 19 entidades –museos, universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos, asociacións e fundacións- que organizan 101 actividades. Estas actividades, que van dende exposicións a excursións pasando por ciclos de cine, teatro ou cafés científicos, comparten o seu carácter aberto e gratuíto, a súa adaptación a todos os públicos e o obxectivo principal de divertir.
Mesas redondas, charlas divulgativas, exposicións, teatro, cine, excursións, premios, obradoiros, etc. percorrerán as catro provincias galegas intentando achegar o máis interesante de cada disciplina científica aos cidadáns. Así, haberá actividades relacionadas coa astronomía, a arqueoloxía, a física, a química, a comunicación, a medicina, o dereito, as matemáticas, etc.
A Dirección Xeral de I+D+I, co apoio da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Educación e Ciencia, coordina e financia unha ampla programación de actividades que se desenvolverá por toda Galiza nos meses de novembro e decembro, en especial entre o 6 e o 19 de novembro. Para elo, a Consellería de Innovación e Industria aporta un orzamento total de 737.454 euros.
Fonte: http://www.semanadaciencia.org/ |