Zapatero anuncia a concesión de máis de sete millóns/euros para promover a investigación matemática
O nodo galego, xestionado polo Cesga e liderado polo Profesor Alfredo Bermúdez de Castro, dirixirá as accións de consultoría en España no eido das Matemáticas e terá o apoio decidido da Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.
O presidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero presentou onte na sede central do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Madrid os proxectos Consolider adxudicados a grupos de investigación españois no marco da iniciativa Ingenio 2010.
Entre os proxectos concedidos encóntrase o proxecto MATHEMATICA, dotado con 7’5 millóns de euros en cinco anos. MATHEMATICA é unha proposta singular que desenvolverá un Programa de Actividade Investigadora integral para a matemática española, co obxectivo básico de promover e executar actuacións estratéxicas de ámbito estatal que incrementen cualitativa e cuantitativamente o peso da matemática no sistema español de ciencia e tecnoloxía e no panorama internacional.
MATHEMATICA promoverá a investigación interdisciplinar desde as Matemáticas fomentando un cambio de actitude nos matemáticos, e nos usuarios das matemáticas, que lles permita a ambos os dous posicionarse nos campos científicos emerxentes nos que a matemática ten un papel básico de modelación.
MATHEMATICA está apoiado por 283 Grupos de Investigación do ámbito das Matemáticas financiados a través do Proxecto Nacional de I+D+i (na súa maioría do Programa de Matemáticas). Este Programa de Actividade Investigadora nace coa vocación de contribuír á creación do Centro Nacional de Matemáticas recollida no Proxecto Nacional I+D+i.