Nunha reunión ordinaria celebrada hoxe en Santiago, o padroado da Fundación do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), decidiu refrendar o seu apoio á iniciativa PuntoGal.
PuntoGal é unha iniciativa que pretende conseguir para a lingua e a cultura de Galicia un dominio propio en internet. Este obxectivo, longamente desexado, precisa da suma do maior número posible de vontades nun proceso que será longo e tecnicamente complexo.
O Cesga, segundo apuntou o presidente do padroado e director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, “entende a consecución do dominio .gal como medida estratéxica para situar a Galiza nos mapas do territorio Internet sobre o que se está a construir a Sociedade da Información e do Coñecemento”.
“O dominio .gal servirá para salientar a nivel global a existencia da nosa lingua e cultura e é por isto que estamos dispostos a contribuir cos mellores esforzos do Cesga para divulgar esta iniciativa entre todolos axentes na sociedade galega” engadiu Mato.