O día 14 de novembro celébrase o Día Mundial dos Sistemas de Información Xeográfica ( www.gisday.com). O Sistema de Información Territorial (SIT) da Universidade de Santiago de Compostela e o Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta de Galicia organizan unha nova edición do GIS Day os próximos 14 e 15 de Novembro.
O GIS Day é un foro internacional convocado en más de 80 países para divulgar o importante papel que teñen as tecnoloxías da información xeográfica na sociedade, no coñecemento do noso medio, no proceso de toma de decisións e no desenvolvemento económico. As actividades programadas por organizacións locais buscan a interacción entre os cidadáns, os usuarios actuais e potencias e os desenvolvedores de aplicacións.
As actividades terán lugar no edificio Cactus do campus da Universidade en Lugo e consistirán nunha xornada de portas abertas que permitirá ós visitantes coñecer in situ os proxectos que se están a desenvolver e coñecer os detalles dos mesmos por parte dos técnicos responsables, presentacións de aplicacións empresariais e institucionais, e de demonstracións de productos comerciais das tecnoloxías da información xeográfica.
Tamén terá lugar a presentación da Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica, REDIX, unha iniciativa de cooperación entre oito grupos de investigación universitarios e departamentos da Xunta de Galicia para a innovación e o fomento da incorporación destas tecnoloxías e das infraestructuras de datos espaciais na administración local e na empresa.