O CESGA PREMIADO POR COMPUTING POLO SUPERORDENADOR FINIS TERRAE
Na mesma categoría de I+D+I foron finalistas ou INTA (Instituto Nacional de Técnica Aerospacial) e a UPV (Universidad Politécnica de Valencia).
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2007.- O proxecto para instalar no CESGA o supercomputador Finis Terrae ven de recibir o Premio Computing España 2007 na categoría de I+D+i. O premio entregouse este mércores 31 nun acto en Madrid organizado polo semanario Computing e foi recollido por Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia.
Segundo o propio semanario recoñece, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), con Salustiano Mato (director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia) á fronte da súa presidencia, colocouse en primeira liña das actividades de investigación en 2006 coa sinatura dun convenio de colaboración con HP e Intel que senta as bases para a instalación do supercomputador de memoria compartida FINIS TERRAE.
A día de hoxe trabállase no acondicionamento do edificio na que se situará esta nova infraestrutura de computación científica, que está previsto entre en explotación a finais de 2007 permitindo á institución participada pola Xunta de Galicia e o CSIC abordar proxectos de investigación de gran alcance. FINIS TERRAE, que correrá baixo software libre –Linux, Lustre ou Globus- apóiase en máis de 2.500 nodos de procesadores e unha arquitectura de memoria compartida superior a 19.000 Gb. Cunha rede de interconexión de alto rendemento entre nodos Infiniband, o FINIS TERRAE disporá dun sistema xerárquico de almacenamento de 390.000 Gb en disco e 1 Pb en libraría de cintas; este equipamento multiplicará por cinco a capacidade das infraestruturas actualmente existentes no CESGA, o que significa elevar de 4 a 20 os billóns de operacións en coma flotante por segundo.
Con esta iniciativa, que implica a colaboración a longo prazo das partes no desenvolvemento de actividades de investigación e formación, o CESGA equípase para facer realidade a previsión de dar servizos en 2008 a arredor de 4.000 investigadores de todo o mundo e España se apresta, así mesmo, a recortar a distancia que a separa da media europea en materia de I+D+i.