Matemáticos de todo o Estado reúnense en Compostela ao redor do Nodo CESGA
Durante os días 23 e 24 de xaneiro, celebraranse en Santiago de Compostela, organizadas polo Nodo CESGA, e dentro do proxecto Consolider INGENIO MATHEMATICA, as xornadas “Arrancando MATHEMATICA CONSULTING” xurdido co obxecto de promover o uso de métodos e técnicas matemáticas no desenvolvemento tecnolóxico e a innovación nas empresas.
O proxecto Ingenio MATHEMATICA é unha proposta singular que desenvolverá un Programa de Actividade Investigadora integral para a matemática española, co fin de promover e executar actuacións estratéxicas. A intención é incrementar, cualitativa e cuantitativamente, o peso da matemática no ámbito da Ciencia e Tecnoloxía no espazo nacional e internacional. En MATHEMATICA participa un nutrido grupo de investigadores galegos pertencentes ás Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo, ademais do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Coas Xornadas “Arrancando MATHEMATICA CONSULTING”, ás que asistirán matemáticos e investigadores de todo o estado, representantes de empresas de diferentes sectores, como ENDESA e AFI (Analistas Financieros Internacionales), preténdese dar a coñecer a situación actual do Consulting, marcar as pautas de actuación para potenciar a transferencia da tecnoloxía matemática, buscar mecanismos de interconexión entre os grupos de investigadores que participan no proxecto MATHEMATICA e marcar o percorrido da plataforma MATHEMATICA CONSULTING para o ano 2007.
As xornadas celebraranse, durante o martes 23 e mércores 24 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Todas aquelas persoas interesadas poderán seguir as sesións por Internet, na web http://www.mathematica.unican.es