O Concello de Ames e a asociación AGNIXestán a organizar unhas Xornadas de Achegamento ao Software Libre que se levarán a cabo os días 31 de Marzo e 1 de Abril na Casa de Cultura de Bertamiráns.
O concello presentou onte o programa destas xornadas.
Nelas achegaranse as vantaxes do código aberto e o software libre aos asistentes facendo especial fincapé na oportunidade que representa para a normalización do galego así coma para a eliminación da fenda dixital.
Incluiranse relatorios, mesas e obradoiros prácticos que amosarán Linux e aplicacións libres coma o navegador Firefox, o editor ofimático OpenOffice.org ou o Gimp, pensado para deseño gráfico e o tratamento de imaxes.
Durante os dous días haberá tamén un servizo de gardaría para os nenos e nenas de sete anos en diante no que poderán entreterse con xogos educativos baseados en software libre.
O prazo para se apuntar está xa aberto e é de balde. A inscrición en liña pode facerse dende aquí, ou achegándose a algunha das casas da cultura de Ames en horario de 9'00 a 14'00. Hai tamén un teléfono de información: o 981 535 940, e unha conta de e-mail.