O Centro de Supercomputación de Galicia participa como cada ano na Semana da Ciencia que terá lugar no mes de novembro a través de diversas actividades. No marco deste evento celebrarase o Curso de Formación do Profesorado de Educación Secundaria: “A simulación en ciencia e tecnoloxía: a investigación en silicio”, nas instalacións do Cesga en Santiago, os días 12 e 13 de novembro.
Ademais desenvolverase unha nova edición do HPC CESGA Workshop o 18 dese mesmo mes.
Por outra banda, e con motivo da Semana da Ciencia, o CESGA organiza unhas “Xornadas de Portas Abertas” entre os días 25 e 29 de novembro dirixidas fundamentalmente a grupos de alumnos de Ciclos Formativos relacionados coas áreas da computación, as comunicacións e as novas tecnoloxías da información en xeral.
Nesta actividade os grupos de alumnos visitantes poderán coñecer as instalacións do CESGA, asistir a unha presentación didáctica sobre o uso e funcionamento dos superordenadores e redes de gran capacidade de Galicia, e descubrir os recursos de supercomputación empregados por grupos de investigación universitarios e do CSIC.
Se desexa que un grupo do seu centro participe nestas xornadas, póñase en contacto con Silvia Quintela, do Centro de Supercomputación de Galicia, responsable da coordinación das visitas, no teléfono 981 569 810. |