RECETGA realiza con éxito probas de telefonía sobre redes IP entre centros de investigación galegos
Foron realizadas con éxito as probas de servizo de telefonía IP a través da RECETGA (Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia) entre o Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago e o Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense. As probas realizáronse interconectando as centraliñas de ámbolos dous centros utilizando pasarelas conectadas a través de RECETGA. Esta conexión permite realizar chamadas entre os centros de RECETGA sen custo adicional.
Como parte das probas, o Director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío, e o Director do Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense, José Luis Caaveiro, mantiveron unha conversa telefónica transmitida utilizando técnicas de voz sobre IP. Nesta conversa, os dous expresaron a súa satisfacción pola calidade, fidelidade e fiabilidade do servizo, facendo especial fincapé na claridade e continuidade da transmisión.
Normalmente, os usuarios deste sistema experimentarán unha calidade de transmisión equivalente se non idéntica á dunha transmisión telefónica tradicional, xa que os retrasos que produce o sistema son inapreciables grazas á tecnoloxía de banda ancha que RECETGA incorpora.
Coa implantación deste tipo de sistemas, os centros de investigación verán reducidos os seus gastos en comunicacións xa que realizar chamadas a outros centros conectados a través do mesmo sistema non lles suporá custo algún. Isto permite unha rápida amortización do investimento nos equipos.
Un dos servizos que se vén prestando ás universidades é a interconexión de cada universidade cos seus campus a través de circuitos virtuais permanentes, que son utilizados para enlazar as centraliñas de telefonía. Isto supón un grande aforro, ao permitir intercambiar entre eles chamadas de telefonía sen custo adicional. RECETGA foi co-financiada por FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).
O CESGA está a estudar diversas propostas que permitirán difundir proximamente a transmisión de voz a outros centros de investigación utilizando diversas tecnoloxías de VoIP (Voz sobre IP) e VoATM (Voz sobre ATM).
As Pasarelas, os equipos conectados ás centraliñas que permiten este tipo de comunicación, foron facilitadas para esta proba pola empresa Aplicaciones Informáticas y Comunicaciones Avanzadas (a.i.c.a.) con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia.