O Xis foi presentado hoxe no Clube Internacional de Prensa de Santiago ante os medios. O Xis é a versión en galego do Netscape Communicator 4.03, que inclúe un navegador, un xestor de correo electrónico e de grupos de novas, ademais dun editor de linguaxe 'html'. A súa realización é froito do traballo dun grupo de internautas agrupados no Proxecto Xis, que traduciron o Communicator logo de que Netscape abrise o código fonte no coñecido proxecto Mozilla. No acto de presentación participaron o coordenador xeral do proxecto, Camilo Regueiro, o responsable da área lingüística, Ramón Flores, o editor de Vieiros, Lois Rodríguez, e o xornalista de 'O Correo Galego', Darío Janeiro.