A fundación Empresa Universidad Gallega (Feuga) experimentará a partir de hoxe unha sustancial mellora das súas condicións de prestación de servizos, ao quedar conectadas as súas oficinas, mediante fibra óptica e enlace de alta velocidade, á Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA). A conexión foi realizada polo Centro de Supercomputación de Galicia.
O convenio que ampara esta iniciativa foi firmado por Miguel Ángel Ríos Fernández, secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, da Xunta de Galicia, e por Manuel Balseiro González, director de Feuga. Segundo explicaron técnicos do Centro de Supercomputación, a conexión está realizada mediante fibra óptica, e conta cun enlace capaz de transmitir 155 megabytes por segundo. Este enlace é ampliable de xeito inmediato a 622 megabytes por segundo e incluso velocidades superiores. Con isto, Feuga sitúase na vangardia das organizacións que lideran a transformación cara a sociedade da información e o coñecemento.
A nova conexión prove á fundación de acceso á rede de comunicacións de última xeración que conecta ás universidades e centros de investigación de Galicia. A través de RECETGA, Feuga disfrutará tamén de acceso ás redes académicas e de investigación española, RedIRIS, e europea, TEN155.
A Fundacion Universidade Empresa Gallega acada tamén a oportunidade de crear a organización "Feuga virtual", xa que ademais de compartir aplicacións entre delegacións remotas e realizar chamadas intercentros sen custo adicional, permitirá manter aberta permanentemente unha liña de videoconferencia entre a súas sés de Santiago e Vigo. Deste xeito, os traballadores xeográficamente dispersos disfrutarán dun entorno de oficina virtual que lles permitirá traballar como se estivesen no mesmo espazo físico.
RECETGA é unha infraestrutura de comunicacións galega que non depende de operadores externos. A xestión desta rede corre a cargo do Centro de Supercomputación de Galicia, en coordinacón coa Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, da Consellaría de Cultura, Comunicaión Social e Turismo.