O vindeiro 18 de maio celebrarase en Santiago o WORKSHOP HPCN 2000.
O workshop está dirixido aos investigadores e estudiosos interesados na simulación e na modelización e pretende:
Servir de foro de debate e intercambio de experiencias (nesta edición algúns dos usuarios máis significativos das universidades galegas e do CSIC presentarán os seus traballos e haberá unha mesa redonda na que se debaterá a adecuación dos recursos dispoñibles ás actuais necesidades dos investigadores).
Achegar os usuarios do CESGA á experiencia de centros de simulación e modelización de referencia internacionalmente recoñecidos (nesta ocasión contaremos coa presenza de responsables do CERN e do CIMNE).
Dar a coñecer os novos recursos instalados no CESGA e que xa se atopan ao dispor dos usuarios.
Dar a coñecer as previsións na evolución dos recursos HPCN (para o que contaremos cun responsable do departamento de investigación e desenvolvemento dun fabricante, Sun Microsystems).
Se vostede é usuario do CESGA ou se sente inquedanza ou necesidade de empregar ferramentas de simulación e modelización pode inscribirse xa no workshop. As prazas son limitadas. A inscrición é gratuíta.
Consulte a nosa axenda da xornada e o formulario de inscrición.
Sun Microsystems fai posible esta xornada a través do seu patrocinio.