O portal Culturagalega.org, desenvolvido a iniciativa do Pleno do Consello da Cultura Galega, sairá ao público o próximo día 10 de outubro. Os equipos que servirán ás distintas seccións deste novo portal están xa instalados no CESGA, e conectados directamente á troncal da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA) o que permitirá que sexa accesible cunha grande calidade e utilizando liñas nacionais e internacionais de banda ancha (como RedIRIS, TEN155, Internet 2 e Abilene) desde centros académicos e de investigación de todo o mundo.
RECETGA tamén permite o acceso desde as redes doutros operadores polo que se garante o acceso nas mellores condicións a todos os usuarios de Internet. Esta colaboracion é posible gracias á sinatura dun convenio entre a Secretaria Xeral de Investigación e Desenvolvemento, o Consello da Cultura Galega e o CESGA. A información do novo portal temático ten un contido diverso sobre música, arte, historia, eventos, sociedade, lingua e literatura, cunha actualización diaria que permite ter unha información axeitada e puntual da realidade cultural galega, e o que se move en torno dela. Para os máis estudosos ou curiosos ofrécese unha sección de especiais sobre aspectos pouco coñecidos da nosa cultura.
O proxecto está desenvolvido por un equipo profesional multidisciplinar formado por: xornalistas, deseñadores, análistas e técnicos en novas tecnoloxías e persoal de producción.
Culturagalega.org ten unha serie de seccións chamadas Os soportais: - LG3 Literatura de balde -, onde se poden descargar famosos textos libres de dereitos de autor , -RADIO CG A emisora dixital -, dividida en programas e en escoita diferida, con programas feitos no exterior, un espacio de traducción oral, retratos de grandes persoeiros..., e por último, - SÉPTIMO ARTE Patrimonio audiovisual -, que incluirá obras de patrimonio audiovisual galego, curtametraxes, reportaxes, películas, documentais.
As seccións soportais pretenden ser ademais unha plataforma de lanzamento de novos profesionais e artistas ofrecendo oportunidades a aqueles traballos e persoas con dificil saída ao mercado competitivo como son, os estudiantes de periodismo e os seus traballos, xóvenes creadores da música e das letras. |