O Centro de Competencias comeza o programa de formación en Comercio Electrónico para PEMES galegas
O Centro de Competencias en Comercio Electrónico de Galicia comenza en maio o programa de formación en comercio electrónico e Internet dirixido ás PEMES galegas. Trátase dun ambicioso proxecto que ten carácter gratuíto e aberto para todos os empresarios e personal das empresas galegas, e que tamén está apoiado por institucións como Caixa Galicia, Caixanova, os Centros Multimedia de Galicia, as Cámaras de Comercio e a Fundación Universidad Empresa Gallega (FEUGA), entre outros.
O obxectivo desta iniciativa responde ás necesidades creadas polo contexto socioeconómico no que nos atopamos, que esixe unha actualización constante dos saberes e das estruturas organizativas das empresas no que respecta ao sistema clásico de negocio e ás novas tecnoloxías. Polo tanto, as conferencias e os cursos diríxense aos empresarios e persoal das PEMES que queren beneficiarse das vantaxes de negocio que ofrece Internet e o comercio electrónico.
O programa de cursos levará conferencias e cursos a cada unha das sete principais cidades de Galicia, chegando a máis de mil empresarios e personal de PEMES de Galicia ao longo dos próximos meses.
As conferencias, cunha duración de dúas horas, presentarán os aspectos máis representativos do comercio electrónico e as súas estratexias de xestión, aspectos que serán ampliados nos CURSOS. O temario dos cursos inclúe contidos como técnicas de marketing en Internet, ferramentas de seguridade e de pago, a loxística e a distribución ou aspectos xurídicos do comercio electrónico. Ademais, trataranse exemplos prácticos e estudios de caso reais de empresas que levaron á práctica procesos de negocio electrónico.
Logo da primeira conferencia dará comezo o primeiro curso, o 3 de xuño nas instalacións do CESGA. A inscrición gratuíta xa pode efectuarse na páxina web do Centro de Competencias: www.e-negociogalicia.com