Duplicada a velocidade de acceso ó sistema de almacenamento en disco
O día 30 de Marzo incrementouse a velocidade de conexión existente entre o cluster HP Integrity Superdome coa cabina de almacenamento en disco EVA3000, migrando os enlaces Fiber Channel de 1Gbps a conexións de 2Gbps. Deste xeito, o acceso ó almacenamento masivo de alta dispoñibilidade queda configurado a través de 2 enlaces de 2Gbps para cada un dos dous sistemas Superdome.
Aviso parada non programada do sistema Superdome
O pasado 7 de Marzo ás 20:40 horas produciuse unha parada non programada do sistema Superdome debido a unha avería no sistema de aire acondicionado. O sistema volveu a estar dispoñible a partir das 17:00 horas do día 8.
Galicia recibe o Premio TECNET 2004 pola súa implicación na Implantación da Sociedade da Información
A comunidade autónoma de Galicia recibiu o pasado 4 de marzo o premio TECNET 2004, que entrega a revista "Guía de Internet y de las Nuevas Tecnologías" en colaboración co Ministerio de Ciencia y Tecnología, na categoría de "Comunidade Autónoma máis activa no Implantamento da Sociedade da Información".
CETMAR organiza a segunda Conferencia da Aula de Innovación o próximo venres día 12 de marzo. A este acto asistirá Mario Lopes do Santos, da Unidade de Investigación da Dirección Xeral de Pesca da Comisión Europea. Na súa intervención revisará as oportunidades que existen dentro do Programa Marco de I+D e doutros programas comunitarios para a investigación relacionada coa pesca, a acuicultura e os seus produtos.
galNIX, premio ETI 2004 pola súa calidade técnica e o esforzo colaborativo interinstitucional
O Punto Neutro de Intercambio de Tráfico de Internet en Galicia (galNIX) recibiu o pasado 12 de febreiro o primeiro premio ETI, que outorgan anualmente a revista Computing España e a consultora PricewaterhouseCoopers, en recoñecemento á súa calidade técnica e ao seu esforzo por impulsar a cooperación entre empresas e institucións.