Entregados os diplomas aos alumnos do curso piloto do proxecto europeo e-hospital
Santiago, 4 de decembro de 2007.- Os alumnos do curso piloto de formación continua “E-Hospital: Alfabetización dixital básica” recibiron hoxe os diplomas entregados pola Universidade de Santiago de Compostela, USC. O curso forma parte do Proxecto E-Hospital que ten como obxectivo analizar a validez do e-learning con pacientes adultos hospitalizados de longa duración para facilitarlles o acceso a formación continua durante a súa estancia no hospital, e destas experiencias piloto obter conclusións para elaborar un manual de boas prácticas.
Esta experiencia contou coa participación en Galicia da USC (Grupo de Investigación en Tecnoloxía Educativa) dirixido por Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante, e do CESGA (Departamento de E-learning) da que é coordinadora María José Rodríguez Malmierca, así como da Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, coa participación de 10 pacientes que completaron o curso.
O día 14 de novembro celébrase o Día Mundial dos Sistemas de Información Xeográfica ( www.gisday.com). O Sistema de Información Territorial (SIT) da Universidade de Santiago de Compostela e o Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA) da Xunta de Galicia organizan unha nova edición do GIS Day os próximos 14 e 15 de Novembro.
O GIS Day é un foro internacional convocado en más de 80 países para divulgar o importante papel que teñen as tecnoloxías da información xeográfica na sociedade, no coñecemento do noso medio, no proceso de toma de decisións e no desenvolvemento económico. As actividades programadas por organizacións locais buscan a interacción entre os cidadáns, os usuarios actuais e potencias e os desenvolvedores de aplicacións.
As actividades terán lugar no edificio Cactus do campus da Universidade en Lugo e consistirán nunha xornada de portas abertas que permitirá ós visitantes coñecer in situ os proxectos que se están a desenvolver e coñecer os detalles dos mesmos por parte dos técnicos responsables, presentacións de aplicacións empresariais e institucionais, e de demonstracións de productos comerciais das tecnoloxías da información xeográfica.
Tamén terá lugar a presentación da Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica, REDIX, unha iniciativa de cooperación entre oito grupos de investigación universitarios e departamentos da Xunta de Galicia para a innovación e o fomento da incorporación destas tecnoloxías e das infraestructuras de datos espaciais na administración local e na empresa.