Despois do éxito alcanzado por DYGRA Films co seu proxecto "O Bosque Animado", o futuro da empresa pasa por consolidarse dentro da producción audiovisual europea. Neste afán de posicionamento estratéxico dentro do sector, e dunha promoción económica e social para Galicia, o futuro da empresa pasa pola coproducción e colaboración con outras empresas e entidades, de xeito que poidamos abarcar grandes proxectos.
A producción audiovisual en formato dixital require de inxentes recursos en canto ao cálculo e almacenamento, e por suposto, e o máis importante, o poder compartir recursos tecnolóxicos e información entre as empresas colaboradoras e coproductoras.
Unha das claves do éxito empresarial está no manexo da información actualizada adecuadamente, e por suposto, o sector audiovisual non é independente desta situación. Xerar e manter un fluxo de noticias e información actualizado convírtese nunha das prioridades para que a toma de decisións se faga cos datos necesarios e as últimas novidades sexan integradas no fluxo de traballo da empresa.
Con estos obxectivos en mente, obtención de información actualizada e a súa distribución intelixente, xunto á capacidade de compartir recursos, formúlase a necesidade de deseñar un sistema que englobe estas necesidades. DYGRA Films investigará e deseñará o sistema e as aplicacións necesarias que xestionen a información entre os distintos colaboradores e coproductores de xeito ordeado e seguro, así como as canles de obtención de información.
Para facer realidade o anteriormente mencionado necesítase de tecnoloxía que permita compartir os recursos tecnolóxicos das distintas empresas e entidades partícipes de cada novo proxecto que se poña en marcha, cunha identificación das partes involucradas robusta e fiable. Para abordar este problema de compartición de recursos entre organizacións diferentes, desenvolvéronse recentemente novas tecnoloxías denominadas comunmente por GRID. O presente proxecto pretende valorar a viabilidade de incorporación da tecnoloxía GRID no ámbito da producción multimedia e a súa incorporación a un sistema novidoso de xestión de proxectos multimedia.
Dygra Films contará como provedor tecnolóxico co CESGA, que deseñará baseado sobre Globus 2.0, ou outras tecnoloxías semellantes, un sistema GRID que permita a compartición de recursos de cálculo e almacenamento masivo. Dito sistema será probado conectando os recursos existentes de "renderización" no CESGA, CIS Ferrol e Dygra Films, tamén se probará a posibilidade de utilizar os tempos mortos das estacións de deseño para realizar esta ou outras tarefas de cálculo.
Ademais estudiaranse outras dúas novas funcionalidades sobre o GRID: A simulación paramétrica de dinámicas de partículas para acelerar o proceso de producción destos efectos e a fragmentación do proceso de renderización e producción en tempo case-real da mesma para acelerar o traballo dos deseñadores.
A integración das investigacións dará como resultado un proxecto que promoverá a colaboración e o uso de recursos tecnolóxicos en tempos mortos e por distintos usuarios, en función do proxecto e das necesidades. Este proxecto pretende presentar unha solución de traballo e uso compartido de recursos, que xerará unha promoción do sector audiovisual galego, facéndoo máis competitivo e eficaz.