Esta solución de altas prestacións, que comezará a funcionar antes da fin de novembro, está constituida por un cluster de dous Superordenadores modelo HP Integrity Superdome, que está baseado nunha nova xeración do mais avanzado procesador de Intel (Itanium 2 6M) capaces de facer correr os sistemas operativos Windows, Linux e UNIX simultaneamente. O sistema dispón dun total de 128 procesadores.
O CESGA seleccionou o servidor de HP despois de convocar un concurso aberto para a adquisición do equipamento, ó que tamén se presentaron outros fabricantes coma Fujitsu, IBM, SGI e Sun, e integradores locais coma Catón.
Un ordenador para resolver ‘grandes problemas’
O novo equipamento dedicarase prioritariamente á resolución de "grandes problemas", é dicir, daqueles procesos que demandan unha grande cantidade de recursos de cálculo e memoria.
Por este motivo, á hora de adquiri-lo superordenador esixíuselle unha grande capacidade de cálculo e de memoria principal, unha baixa latencia (tempo de espera) de acceso á memoria, unha alta velocidade da rede de interconexión de nodos e un grande ancho de banda de acceso ó almacenamento secundario.
Ademais, o novo sistema debía ser capaz de convivir co resto dos servidores existentes no Centro, polo que era importante que contase coas características técnicas e servicios necesarios para a súa perfecta integración na instalación.
Á hora de adquiri-lo servidor valorouse tamén a facilidade de adaptación dos usuarios e das súas aplicacións ó novo contorno, así como a sinxeleza de operación no sistema. A pesar da impresionante capacidade de computación proporcionada polo novo sistema, os investigadores teñen problemas que precisan ainda máis recursos de computación, polo que o Cesga está a traballar tamén en proxectos de tecnoloxías ‘Grid’, os que perseguen unir virtualmente os recursos de centros que se atopan afastados entre eles.
Sobre o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
Creado no ano 1993, o CESGA é unha compañía científico–tecnolóxica participada pola Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Ten por misión principal favorece-la xeración de coñecemento en diversas áreas proporcionando servicios horizontais para satisfacer intereses científicos, tecnolóxicos e industriais. O CESGA préstalle á comunidade científica servicios de cálculo e almacenamento de altas prestacións, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia e o Punto Neutro de Internet en Galicia. Ademais, o CESGA participa na dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento a través das súas unidades de tele–ensino, comercio electrónico e sistemas de información xeográfica.
|