Hoxe en día e dende diversas organizacións invístense grandes sumas no desenvolvemento de bases de datos xeoreferenciadas e en Sistemas de Información Xeográfica (GIS). É previsible ademais que durante os próximos anos se invistan miles de millóns máis. Todo isto está acontecendo nun curto período de tempo, xa que hai uns poucos anos o GIS era unha ferramenta moi especializada só ao alcance dunhas poucas organizacións e unha curiosidade para o público en xeral.
Pódense dar dúas explicacións a esta rápida expansión dos GIS:
A primeira reside no abaratamento dos custos dos equipos informáticos, que cada día os fai mais asequibles para un maior número de usuarios.
A segunda, e de maior importancia, é que a xeografía (e os datos que serven para cuantificala) xa forma parte do noso mundo cotián; a maioría das decisións que tomamos diariamente están en relación con ou influenciadas por un feito xeográfico. Os camións de bombeiros, por exemplo, envíanse ao seu destino a través da ruta mais curta posible, as aportacións económicas dos governos aos entes locais baséanse frecuentemente na distribución xeográfica da poboación, ou as enfermidades epidémicas estúdianse grazas á identificación das áreas onde se producen e da velocidade á que se expanden.