A terceira edición do Obradoiro de Iniciación á Ópera do Liceu de Barcelona foi presentada o 14 de outubro no Centro de Supercomputación de Galicia, nun acto conxunto coas universidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (UDC, USC, UVIGO e a Universidade do Minho). A presentación do novo curso celebrouse simultaneamente a través de videoconferencia nos catro campus mencionados e contou coa presenza no CESGA do director de I+D, Pedro Merino, da vicerreitora da USC, Mª Mar Lorenzo e do director xerente do CESGA, Javier García Tobío. Adicionalmente, no acto interviñeron vicerreitores das universidades de Vigo, A Coruña, e do Minho.
Nesta terceira edición do obradoiro retransmitiranse cinco óperas en directo dende o teatro barcelonés. En Galicia, os espectáculos serán emitidos da RECETGA (Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia) e da liña de interconexión que a rede galega ten coa Universidade do Minho, no Norte de Portugal, por mor do proxecto europeo TORGA.NET.
No transcurso do acto presentouse o programa de óperas que se retransmitirán, explicouse o modo de realización do curso dende as respectivas universidades, a localización dos auditorios e a infraestrutura tecnolóxica que se empregará. |