Instalada no CESGA a base de datos europea de investigación matemática, "Zentralblatt MATH"
O pasado mes de outubro, o CESGA, a Universidade de Santiago e os editores da "Zentralblatt fur Mathematik" acadaron un acordo polo que se regula a instalación no CESGA dun servidor da maior base de datos existente en Europa sobre artigos de investigación en Matemáticas.
O servidor de Santiago, inicialmente, dará acceso on-line á base de datos ás Universidades e Centros de Investigación de todo o Sur de Europa, e será gratuíto para os matemáticos das tres Universidades galegas. A "Zentralblatt fur Mathematik" recolle recensións de tódolos artigos ata hoxe publicados no campo da investigación matemática desde 1931.
Cada ano engádense á base uns 50.000 artigos de nova publicación. Este acordo é a culminación das negociacións que dende hai un ano viñan mantendo a Facultade de Matemáticas, e o Instituto de Matemáticas cos apoios do Vicerrectorado de Investigación de Santiago, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia e o propio CESGA. A xestión da "Zentralblatt MATH" correrá a cargo do CESGA e da Universidade de Santiago.