O Dr. Carracedo (na parte superior da imaxe, á dereita) recibirá o Premio na cerimonia de entrega que se celebrará o vindeiro 28 de novembro, ás 18:45h., no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
O doutor Ángel Carracedo, responsable do Departamento de Xenética Forense do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago, recibirá nuns días o Premio Galicia de Investigación 2001, Premio José Varela de Montes, outorgado pola Xunta e dedicado nesta edición á investigación sanitaria. Os seus traballos no eido da xenética forense están tendo repercusión en todo o mundo e os resultados das súas investigacións están revertindo de xeito importante no campo da xenética clínica, especialmente no que se refire ó cancro e ás enfermidades hereditarias
Os avances de Ángel Carracedo no eido da xenética son recoñecidos co Premio Galicia de Investigación 2001
Trátase dunha eminencia da xenética a nivel mundial, a pesar de que na súa xuventude os seus pasos ían máis encamiñados a un campo profesional totalmente distinto. "Todos os meus irmáns son fareiros. Eu dediqueime durante algún tempo a pescar e, cando o deixei, ben parecía que ía decantarme polo mesmo, pero no final puido máis a medicina", explica. Así foi como Galicia gañou a un dos seus referentes máis importantes a nivel de investigación sanitaria, cunha traxectoria que vén de ser recoñecida co Premio Galicia de Investigación Sanitaria José Varela de Montes, concedido pola Secretaría Xeral de I+D.
"O premio é un motivo de orgullo persoal, pero sobre todo de orgullo cara o meu grupo, formado por xente moi traballadora e chea de iniciativa". Unha das maiores preocupacións do doutor Carracedo é deixar claro que non existen os logros a nivel persoal e que calquera recoñecemento á súa labor se debe directamente ao equipo.
"Non é tan importante o acerto dunha persoa para dirixir un grupo, o principal é o acerto para saberse rodear de xente boa e traballadora. Eu, neste sentido, estou extraordinariamente orgulloso. Penso que o maior orgullo dun investigador é lograr que a xente que traballa con el chegue algún día a ter grupos mesmo mellores e que publiquen nas mellores revistas do mundo, que é algo que xa se está facendo agora. O meu principal reto de futuro é seguir traballando e seguir loitando e este tipo de recoñecementos ten moito valor porque dan moitos ánimos para seguir adiante".
Unha carreira adicada ós xenes
Nacido na localidade coruñesa de Santa Comba en 1955, e logo de doutorarse con Premio Extraordinario, Carracedo formouse en Suecia e Estados Unidos e en 1990 acadou a Cátedra de Medicina Legal. Da súa estancia no estranxeiro lembra especialmente o cambio que supuxo para el investigar en países que tiñan un nivel bastante máis avanzado.
"As diferenzas coas que me atopei foron abismais. Daquela eran os anos setenta e non existía comparación entre os medios que había alí e os que estaban a disposición da investigación en España. Agora doume de conta de que nos aproximamos moito na cantidade e calidade da investigación e nos recursos, supoño que como consecuencia da aproximación que se produciu a nivel social".
Logo de ser director do Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses, estivo á fronte do Instituto de Medicina Legal de Santiago e do Servizo de Xenética Forense. Dende 1997 dirixe a Unidade de Medicina Molecular do SERGAS. O campo no que centrou os seus esforzos e no que ten conseguido resultados avalados polo seu aproveitamento a nivel mundial é a xenética forense, pola que se decantou xa na súa etapa de estudiante na Facultade de Medicina. "Influíume de maneira moi importante a persoa do profesor Concheiro cando me daba clase, e, máis tarde, cando me falou da existencia desta especialidade, que non estaba desenvolvida en España, pero que xa empezaba a camiñar con paso firme noutros países", recorda.
A xenética forense é unha especialidade da xenética que consiste na súa aplicación á resolución de casos xudiciais. Entre outras cousas, pode axudar a resolver probas de paternidade ou a implicación dunha persoa nun crime simplemente a partir dun pelo ou unha mancha de sangue. Unha das cuestións que suscita máis críticas por parte dos especialistas españois nesta área é a falta dunha lexislación sobre bases de datos de ADN. O doutor Carracedo súmase a esta reivindicación porque comparte o argumento de que está impedindo a resolución de moitos casos xudiciais.
"A xenética forense é unha disciplina que ten en España un desenvolvemento extraordinario e esto contrasta radicalmente co desenvolvemento lexislativo insuficiente. Con Portugal, Grecia e Italia, España é o único país que carece desta regulación, co consecuente prexuízo para a resolución de casos, pero tamén para a protección de datos das persoas. É necesaria unha solución inmediata para permitir aproveitar todas as capacidades da xenética e tamén para asegurar o respecto á intimidade das persoas".
No Instituto de Medicina Legal traballan varios grupos que compaxinan os traballos prácticos coa investigación, o que lles permite imbricar as dúas facetas de maneira que se produce un enriquecemento mutuo. "En todas as ramas da xenética aplicada é fundamental a labor de I+D porque un grupo que quere levar a cabo unha actividade da máxima calidade ten que estar totalmente involucrado na investigación. Por este motivo, os grupos que desenvolven o seu labor aquí adican un 50 por cento do tempo a labores prácticas derivadas das necesidades da actividade xudicial, mentres que o outro 50 por cento está directamente vinculado á investigación", explica o doutor Carracedo.
As liñas de investigación que está levando a cabo están agora mesmo moi vinculadas ao ámbito das novas tecnoloxías e teñen o obxectivo de avanzar na identificación de individuos a través de vestixios cada vez máis pequenos, como por exemplo unha pegada dactilar. "Neste sentido teñen especial importancia os chips de ADN, que son unha importantísima innovación tecnolóxica froito dunha intensa labor de I+D. Hai moi poucos grupos que estean traballando neste campo e nós apostamos especialmente por el porque consideramos que o desenvolvemento tecnolóxico é imprescindible para que se produza o desenvolvemento científico".
Un exemplo claro da utilidade deste tipo de técnicas é a identificación de cadáveres en casos coma o dos atentados contra o World Trade Center de Nova York. "Trátase de miles de individuos dos que seguramente os fragmentos están moi dispersos. O traballo de análise xenética asociado a isto é enorme, pero ten unha importancia social incrible, sobre todo pola cantidade de familias implicadas", explica.
Na busca do máximo rendemento
Os avances do doutor Carracedo no ámbito forense axudáronlle a comprobar que os resultados podían incidir de forma moi positiva noutros campos da medicina. "É por iso que agora estou facendo moitos esforzos para que moitos resultados da xenética forense teñan aplicacións clínicas porque a metodoloxía é a mesma e os beneficios desta transferencia están á vista e é unha pena desaproveitalo".
Esta diversificación levouno a realizar tamén unha actividade notable de investigación noutras aplicacións médicas da bioloxía molecular, particularmente en xenética do cancro e en xenética molecular de enfermidades hereditarias, e en xenética de poboacións humanas. Neste sentido, o doutor Carracedo dirixe o laboratorio de xenética clínica xunto co profesor Fernando Domínguez. Os obxectivos principais deste departamento xiran en torno a coñecer a implicación dos xenes na aparición e desenvolvemento de certas enfermidades, concretamente no cancro de mama e colon e nas doenzas hereditarias.
Polo que respecta á xenética de poboacións, que estuda as migracións en base a estudios do ADN, estase centrando no caso de Galicia e de tribus bantúes africanas. O auxe que están vivindo todas estas disciplinas está moi relacionado coa secuenciación do xenoma humano, que, segundo Carracedo, "é un proxecto que, a pesar de que aínda ten que moito que avanzar, resulta absolutamente incrible e xa está revolucionando o mundo da medicina".
O grupo que dirixe publica sempre nas dúas principais revistas de impacto na área da medicina forense e na das técnicas de separación bioquímica. "Dende hai seis ou sete anos estamos entre os tres primeiros grupos de xenética forense en investigación. Fomos sobre todo pioneiros no desenvolvemento de técnicas e metodoloxías", explica o doutor Carracedo. Por el pasaron a maioría dos investigadores dos 26 grupos desta rama que existen en España e tamén especialistas de todo o mundo. "O Departamento de Xenética Forense parece unha ONU pequeniña porque sempre hai xente de fóra. Agora mesmo temos un inglés, que é o número un do mundo, un holandés, brasileiros...", engade. |