Asignados os contratos da Rede pan-Europea Gigabit
Xa foi decidido polo consorcio cal vai ser a topoloxía final e quen serán os operadores adxudicatarios da nova rede GÉANT (sucesora de TEN-155). Desvelamos xa os nomes dos principais suministradores: COLT Telecom, TeliaInternacional Carrier e T-Systems.
Unha vez decidido polo consorcio cal será a topoloxía final e quen serán os operadores adxudicatarios da nova rede GÉANT (sucesora de TEN-155), ésta atópase á espera de que se asinen os contratos, polo que se espera que para octubro-novembro deste ano 2001 estea operativa.
Seminario "Oportunidades para Investigación Bioinformática en Galicia"
O vindeiro día 5 de xullo celebrarase no CESGA o seminario "Oportunidades para a Bioinformática en Galicia",que ten como obxectivo "crear comunidade" entre os investigadores galegos de diferentes áreas interesados na xenómica e a proteómica.
Esta xornada, organizada polo Foro Científico-Tecnolóxico, está dedicada a explorar as Oportunidades de futuro para a Investigación en Bioinformática en Galicia.
Nos últimos 45 anos a Doble Hélice revolucionou a bioloxía, orientandoa á bioloxía molecular, a disección de complexos fenómenos biolóxicos en moléculas específicas e as súas funcións. Esta área ten colleitado importantes éxitos en diversas frontes, como son a identificación das bases moleculares de diversas patoloxías e do seu tratamento, a bioquímica ou a bioloxía evolutiva. O seu paradigma – a identificación, clonación e análise de pezas específicas do puzle xenético para unha función dada – é responsable da meirande parte dos coñecementos da bioloxía moderna.
O espectacular avance en tecnoloxías xenómicas vivido nestes últimos anos está transformando unha vez máis as ciencias biolóxicas. Coa secuenciación de xenomas completos de diversas especies o principal paradigma da bioloxía molecular (a identificación e clonación de novos xenes) sufrirá cambios.
Xa hoxe, o volume de datos xenéticos medra a un ritmo moi superior ao que os analistas poden procesalos. A bioinformática busca solucións a esta situación.
A bioinformática é o novo campo de estudo das estruturas inherentes da información biolóxica e dos sistemas biolóxicos. Este innovador campo de investigación xunta unha crecente avalancha de datos biolóxicos coa teoría analítica e as ferramentas prácticas da matemática e da ciencia computacional.
A bioinformática é unha iniciativa de coñecemento necesariamente interdisciplinar. Con este evento, o Foro Científico–Tecnolóxico pretende facilitar o achegamento de expertos de diferentes áreas, departamentos e institucións que teñan como común interese o desenvolvemento de métodos matemáticos e computacionais orientados a desvelar os misterios da bioloxía.
O noso obxectivo é facilitar a construción de conexións entre os que viven dedicados a producir os datos experimentais e os que contan coas ferramentas e o coñecemento para analizalos teoricamente. O natural punto de encontro entre ambos é un corpus de datos que está sendo xerado a ritmo exponencial. Este debe ser un verdadeiro encontro de mentes e non un mero pase de información dos especialistas experimentais aos analíticos.
A bioinformática non é unha moda transitoria senón que supón o nacemento de tecnoloxías fundamentais para o avance da ciencia. As institucións e a industria son conscientes desta realidade. Hoxe as industrias farmacéutica e fitosanitaria loitan por atraer a novos investigadores formados en bioinformática. Na actualidade existen autenticas oportunidades para proxectos de investigación nesta área.