O Centro de Supercomputación de Galicia presenta balance dun ano no que salienta a incorporación de dous novos superordenadores, o forte incremento no consumo de horas de cálculo e o impulso a proxectos de investigación vencellados ás Tecnoloxías GRID e á Sociedade da Información e do Coñecemento (Anuario 2002). Santiago de Compostela, 8 de abril de 2003.- O director xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellaría de Innovación, Industria e Comercio, Pedro Merino, e o director xerente do CESGA, Javier García Tobío, presentaron esta mañá en Santiago o balance da actividade do Centro de Supercomputación de Galicia no 2002. Este centro tecnolóxico ten a súa titularidade compartida entre a Xunta de Galicia, nun 70 por cento, e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que o participa nun 30 por cento. Pedro Merino é o presidente do Consello de Administración do CESGA.
Os responsables do centro deron conta do funcionamento e do uso dos equipos de supercomputación e da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA), así como da participación do Centro en proxectos de Investigación e Desenvolvemento e da produción científica dos usuarios dos sistemas de cálculo.
Durante o pasado ano, o CESGA case triplicou a súa capacidade de cálculo coa posta en marcha de dous novos superordenadores, o HPC320 e o Cluster Beowulf. Os investigadores das universidades galegas, dos centros e laboratorios depentes do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia contaron no 2002 cunha potencia de cálculo de 125,9 Xigaflops (125,9 miles de millóns de operacións matemáticas por segundo), imprescindible para o desenvolvemento de proxectos complexos tales coma os vencellados ás áreas de modelización bioquímica,
física ou das ciencias da terra, entre outras.
O Centro de Supercomputación tamén duplicou as horas consumidas polos usuarios neste último ano. No 2002, os usuarios utilizaron 448.726 horas de proceso nos superordenadores. Isto supón a realización de preto de dous trillóns de operacións matemáticas no ano, o que evidencia a crecente necesidade que teñen os investigadores que traballan en Galicia de computadores con maior potencia.
No que se refire á produción científica do ano 2002 por parte dos usuarios dos sistemas de computación, os datos preliminares da analise inicial da documentación enviada polos usuarios achega as seguintes cifras: contribución á publicación de doce teses de doutoramento, á produción de noventa e un artigos científicos e á presentación de corenta traballos de investigación en congresos.
Boa parte dos proxectos de I+D+i dos usuarios precisan máquinas de almacenamento nas que gardar con garantías de seguridade o grande volume de datos xerados. Para poder atender a crecente demanda de espazo, durante o 2002 o CESGA ampliou o sistema de almacenamento de datos de usuario. Tras a ampliación, este sistema conta cunha capacidade de 3.500 Xigabytes en disco e de 51.000 Xigabytes en cinta robotizada.
A Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, RECETGA, soportou un tráfico de datos no 2002 de 429.000 Xigabytes. Para facerse unha idea do volume de datos que isto supón pódese dicir que esta cantidade equivale aos datos contidos en 85 millóns de libros de mil páxinas cada un.
RECETGA é a rede de comunicacións de banda ancha que xestiona o CESGA e que, en Galicia, interconecta os campus universitarios, os centros tecnolóxicos, os centros de investigación da Xunta e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, o Instituto Español de Oceanografía, os departamentos de I+D de empresas e os laboratorios de investigación de complexos hospitalarios.
No que se refire a esta rede, cómpre resaltar que a actividade no 2002 estivo marcada pola implantación dun novo sistema de xestión de incidencias e seguridade e tamén pola preparación técnica para a adaptación á nova infraestrutura da rede estatal de ciencia e tecnoloxía, RedIRIS 2, que vén de convertir a Galicia nun dos seus principais nodos de comunicacións, mellorando así as comunicacións coas redes internacionais dedicadas ao apoio á investigación GEANT (europea), Internet 2 (estadounidense) e CLARA (latinoamericana).
No 2002, técnicos de comunicacións do CESGA participaron activamente, xunto cos técnicos das operadoras Auna, Comunitel, Jazztel, R e Retegal, no deseño do Punto Neutro de Intercambio de Tráfico de Internet en Galicia, GALNIX.
Adicionalmente, o Centro participou no 2002 en catro proxectos do V Programa Marco da Unión Europea e en dezaoito proxectos financiados polas administracións autonómica e estatal. Entre estes proxectos, cabe destacar os dedicados ao desenvolvemento de Tecnoloxías GRID, como é o caso do CrossGrid ou o Produción-Grid, e os dedicados á promoción do negocio electrónico en Galicia, como son e-Canned ou o e-Minder. Este último supuxo a creación do Centro de Competencias de Comercio Electrónico en Galicia. |