Acto de Presentación do Curso Multimedia Interactivo de Aprendizaxe da Lingua Galega: é-Galego
O venres, 5 de abril ás 11: 15 da mañá celebrarase no Cesga o acto de presentación do Curso Multimedia Interactivo de Aprendizaxe da Lingua Galega: é-Galego. (axenda do acto)
é-galego é un curso interactivo para a aprendizaxe da lingua galega, aplicando as novas tecnoloxías multimedia e de Internet. O proxecto conta coa financiación da Dirección Xeral de Política Lingüística e da Fundación Caixa Galicia. O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela traballou na procura dos contidos e da lingüística, e a empresa Eido Media colaborou na elaboración do soporte e do deseño. A coordinación entrámbolos dous veu da man do CESGA, que ademais desenvolveu as tarefas relativas a control de calidade e avaliación da usabilidade do curso. No mes de outubro, este atoparase xa operativo e será accesible vía web.
A organización do curso permite que poida utilizarse de xeito lineal ou de modo selectivo. O usuario poderá ir complementando as actividades de cada unha das unidades didácticas, desde a primeira ata a última, ou ben seleccionar, coa axuda do plan do curso, as unidades ou as actividades que máis lle interesen.
Co desenvolvemento das citadas actividades perséguese a adquisición e o perfeccionamento das habilidades comunicativas básicas, tanto para a comprensión como para a produción de mensaxes orais e escritas. Asimesmo, as actividades de é-galego axudan a mellorar a comprensión do galego falado e escrito, a aumentar o coñecemento da gramática e do vocabulario e tamén a descubrir algúns aspectos da cultura, xeografía e historia de Galicia.
é-galego é un curso electrónico para o acceso a través de Internet e distribución en CD-Rom, contendo este último unha versión reducida do curso.