Entre
1945 a 1949 un grupo de investigadores da compañía
Bell desenvolveu a teoría dos transistores construíndo díodos
e tríodos. No ano 1956 Bardeen, Shockley e Brattain recibiron o
Premio Nobel de Física polo brillante traballo que desembocou na
invención do transistor. Bardeen recibiu en 1972 novamente o Premio
Nobel de Física, agora na compañía de Schrieffer e
Cooper, por desenvolve-la teoría da superconductividade.
O
Transistor, que se empezou a utilizar a finais da década de
1940, considerouse na súa época como unha marabilla do
compacto que era, comparado co tamaño dos tubos ó baleiro, ós
que substituía. Sen embargo, a partir de 1950 o tamaño
dos dispositivos electrónicos reduciuse ó redor de 10 veces
cada cinco anos. En 1960, cando se empezou a usar a palabra microelectrónica,
un bloque (chip) de silicio dunha área de 0.5 cm² (como unha
mariquita) podía conter de 10 a 20 transistores con varios díodos,
resistencias e condensadores. Hoxe en día tales bloques poden
conter varias ducias de miles de compoñentes.
Unha
gran parte do estímulo para miniaturizar circuítos
electrónicos veu dos programas de foguetes balísticos,
dada a limitada capacidade de carga que tiñan. A medida que a
microtecnoloxía electrónica se desenvolveu, aplicouse rapidamente
a computadoras comerciais, reducindo enormemente o tamaño dos
seus procesadores, a velocidade de cálculo e o custo.