Un algoritmo consiste nun conxunto de instruccións que nos din os pasos que temos que seguir para facer unha tarefa. Por exemplo, as instruccións que nos din os pasos que temos que seguir para que unha lavadora funcione poden ser consideradas como un "algoritmo da lavadora". Cando se atopa un algoritmo adecuado para facer unha tarefa xa non é preciso entender os principios do mesmo para facer esa tarefa, só hai que seguir as instruccións. Seguindo co exemplo, para poñer en marcha a lavadora non é preciso saber como funciona, só hai que seguir o "algoritmo da lavadora".



http://centros5.pntic.mec.es/ies.juan.de.mairena/bioaljw.htm
Al-Jwarizmi

Os algoritmos son moi importantes para a computación. As calculadoras e os ordenadores non deixan de ser máquinas capaces de seguir unhas instruccións programadas, é dicir, máquinas capaces de seguir os pasos marcados polos algoritmos. Tal é así que se se atopa un algoritmo que defina as instruccións a seguir para executar unha tarefa, pódese construír unha máquina para levala a cabo, sempre e cando haxa a tecnoloxía suficiente para desenvolver a máquina.

O termo Algoritmo provén da pronunciación do nome dun matemático árabe nacido a finais do século VIII, Abu Jafar Muhammad ibn Musa Al-Jwarizmi. Al-Jwarizmi naceu arredor do 780 en Jorezm e morreu no 850 en Bagdad, cidade onde vivíu a maior parte da súa vida. Al-Jwarizmi foi un recopilador do coñecemento tanto de Grecia como da India. Os seus traballos máis destacados no referente á computación refírense ó Álxebra, aportando regras para completar e reducir ecuacións. De feito, pénsase que o termo Álxebra débese á obra deste matemático. Neste caso ó título dun dos seus libros, Kitab al-jabr wa´l-muqabala.

Al-Jwarizmi escribiu: "Os sabios de tempos pasados e de nacións desaparecidas non pararon de compoñer libros. Fixérono para legar o seu saber a aqueles que os sucedesen. Deste xeito permanecería viva a busca da verdade. E non sería en van o seu esforzo para descubrir os segredos da ciencia e iluminar as partes escuras".

© CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia. 2003