É un dos enxeñeiros españois máis coñecidos fóra das nosas fronteiras. En 1893, con 41 anos, presenta o seu primeiro traballo científico, iniciando un período de 30 anos de intensa actividade científica, que incluiría patentes de dirixibles, transbordadores, aparatos de radiocontrol, incluso deseñou un autómata que xogaba ó xadrez, aínda que na partida só participaban o rei e a torre brancos (máquina) contra o rei negro (humano).

A grande aportación de Leonardo Torres Quevedo á historia do cálculo foi unha serie de Máquinas analóxicas. Estas máquinas buscaban a solución de ecuacións matemáticas mediante o estudio de fenómenos físicos. Os números están representados por magnitudes físicas que poden ser rotacións de determinados eixes, potenciais ou correntes eléctricas, etc. Un proceso matemático transfórmase nestas máquinas nun proceso operativo de certas magnitudes físicas que conduce a un resultado físico que se corresponde coa solución matemática buscada, é dicir, o problema matemático resólvese mediante un modelo físico do mesmo. Desde mediados do século XIX coñecíanse diversos artiluxios de índole mecánica, como integradores, multiplicadores, etc.



http://www.cs.us.es/~perer/publicac/ltq/leonardo.html
Torres Quevedo





http://www.cs.us.es/~perer/publicac/ltq/algebri.jpg
Máquina Alxebraica

Nesta tradición enmárcase a obra de Torres Quevedo nesta materia, que se inicia en 1893 coa presentación na Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais da Memoria sobre as máquinas alxebraicas. No seu tempo, isto foi considerado como un suceso extraordinario no curso da producción científica española.
O desenvolvemento das técnicas electrónicas que tivo lugar a mediados do século XX acabou coas máquinas analóxicas, pero isto non anula a importancia que tiveron este tipo de máquinas durante a primeira metade do século pasado.

O invento máis curioso de Leonardo Torres Quevedo foi o xogador xadrecista. Dende o século XVIII diferentes inventores viñan traballando no desenvolvemento dunha máquina que fose capaz de xogar un xogo humano. Torres Quevedo foi o primeiro que conseguiu desenvolver unha máquina tal. Conseguiuno en 1912, cando construíu o seu primeiro xogador xadrecista, un autómata xogador de finais de partidas de xadrez. A máquina contaba co rei e unha torre e o xogador humano só co rei. Nesta situación, o autómata sempre lograba dar o xaque mate.

Este primeiro xogador foi exposto en París en 1914 e causou sensación. Dispoñía dun brazo mecánico para mover as pezas e de sensores eléctricos para coñecer a ubicación das mesmas no taboleiro. Anos despois, en 1920, o fillo de Torres Quevedo, Gonzalo, construíu un segundo xogador de xadrez. Neste caso, o movemento das pezas conseguíase mediante imáns dispostos baixo o taboleiro. Ambos inxenios, tanto o do pai como o do fillo, eran de natureza electromecánica e con frecuencia cítanse como precursores da Intelixencia Artificial.

© CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia. 2003