INEO analiza o software libre coma modelo de éxito empresarial
INEO, asociación multisectorial das novas tecnoloxías da información e da comunicación, organiza unha xornada en Vigo sobre o software libre e as súas repercusións no eido empresarial.
A xornada centrarase en aspectos relacionados co Open Source. Neste marco, exporanse casos de experiencias exitosas, así como tamén modelos de negocios posibles baseados en plataformas de software libre.
O acto estará moderado polo director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío, e contará coa presenza de Antonio Pérez Casas, asesor da Consellaría de Industria e Innovación para a Sociedade dá Información e experto en software libre, ademais de coordinador da Iniciativa Galega polo software libre Mancomun.org. O resto de relatorios completaranse coas intervencións de José María Olmo, director de operacións e fundador de Andago, empresa madrileña de referencia nacional no uso de software libre; e Óscar Sancristán, de Alfa 21, empresa coruñesa especializada no desenvolvemento de redes baseadas en Unix/Linux.
O seminario está orientado a empresarios e profesionais das novas tecnoloxías e terá lugar o xoves 13 de xullo ás 17 horas no auditorio da Zona Franca de Vigo.
Dado á capacidade limitada, os interesados deberán confirmar asistencia no correo comunicacion@ineo.org.