O CESGA colaborará cos grupos galegos de usuarios de GNU/Linux
O CESGA e os Grupos Galegos de usuarios de GNU/Linux (GUGL) traballarán conxuntamente para lograr unha maior implantación do software libre en Galicia. O convenio que recolle esta iniciativa asinouse esta mañá nas dependencias da Xunta de Galicia.
No acto estiveron presentes a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, o director xerente do CESGA, Javier García Tobío, e os representantes dos diferentes grupos.
O acordo contará coa participación dun importante número de grupos de usuarios de GNU/Linux que operan en Galicia: a Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela (AULUSC), a Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX), a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Ourense (GULO), a Asociación Universitaria Grupo de Programadores y Usuarios de Linux (GPUL), a Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPON) e a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG).
A iniciativa, coordinada dende o CESGA, pretende incentivar a realización de seminarios e congresos, a organización de actividades de difusión de diversa índole, así como tamén a elaboración de contidos de interese (CDs, publicacións...) para a Iniciativa Galega polo Software Libre -proxecto de recente creación, que se vén concretando na web mancomun.org.
Todas estas propostas serán plasmadas nun plan de actuacións que presentará cada grupo nun prazo de 60 días e que, tras ser consensuado co CESGA, se materializará no período que abrangue ata decembro de 2007. As actividades estarán coordinadas por unha mesa de traballo formada polo CESGA, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e os propios GUGL.