Visita ao CESGA o Director do Progama da ONU para o Medio Ambiente en América Latina e o Caribe
Hoxe, venres 30 de abril de 1999, Ricardo Sánchez Sosa, Director da oficina rexional para América Latina e o Caribe do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, visitou o CESGA para coñecer a experiencia e os proxectos de investigación relacionados co Medio Ambiente desenvolvidos neste centro.
Sánchez Sosa atópase en visita oficial de dous días a Galicia. No CESGA, Sánchez Sosa amosou interese polos recursos de computación utilizados na simulación de procesos ambientais. O CESGA conta cunha extensa experiencia na simulación destes procesos.
Sánchez Sosa amosou especial interese polos proxectos de investigación realizados no CESGA orientados ao desenvolvemento de simulacións de: cambio climático global, comportamento fotoquímico de contaminantes na atmósfera, dispersión e transformación química de contaminantes en augas superficiais, elaboración de inventarios de solos contaminados e mapas para a predición de riscos de inundación de cuncas fluviais.
O Director da oficina rexional para América Latina e o Caribe do Programa de Nacions Unidas para o Medio Ambiente gabou os esforzos que o CESGA realiza conxuntamente coas Universidades Galegas en proxectos de monitorización do Medio Ambiente e sentenciou que estes "permitirán a Galicia coñecer en profundidade a súa situación e estar preparada cara a entrada en vigor dos acordos de Kioto trala súa ratificación no 2000".
Recalcou, tamén, a necesidade de acelerar o actual ritmo de transferencia de coñecemento e tecnoloxía aos países en vías de desenvolvemento; apuntando a proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico que o CESGA realiza en colaboración con centros de investigación en Arxentina e Brasil como exemplos a seguir nesta liña.
Recibiron a Sánchez Sosa na súa visita ao Centro, Miguel Angel Ríos Fernández, Secretario Xeral de Investigación e Desenvolvemento e Presidente do Consello de Administración do CESGA, Javier García Tobío, Director-Xerente do CESGA e Ramón Leis Fidalgo, Vicerreitor de Investigación da USC.